Carácter Propio en Centros Vicencianos
Written by Administrator   
miércoles, 16 enero 2008

 

PREÁMBULO

 No marco da ESCOLA CATÓLICA e con espírito de colaboración e servizo a unha sociedade plural e á Igrexa, a entidade titular dos Centros Educativos - Vicencianos ofrece o Carácter Propio:

 . Como signo da presenza do Reino de Deus no mundo da educación e xesto  de FE e ESPERANZA na posibilidade dun Home Novo.
 . Como resposta ás familias que deciden dar aos seus fillos unha educación cristiá.

 

1. - ESCOLA CRISTIÁ - VICENCIANA

 Os Centros Vicencianos definen a súa misión educativa, orientada ao desenvolvemento integral da persoa, segundo o Evanxeo e cun estilo propio.
Como escola cristiá, os nosos centros propóñense presentar a mensaxe de Xesucristo e a Relixión Católica na realidade socio-cultural de cada lugar, como expresión da súa identidade e da súa vocación evanxelizadora.
Como escola vicenciana, inspirada nos nosos fundadores, Vicente de Paúl e Luisa de Marillac, basean os seus esforzos na integración social dos alumnos, a sensibilización polos necesitados e a valoración de saber como medio para servir mellor aos demais.

Principios inspiradores do estilo educativo da Escola Vicenciana:

1. Formación integral dos alumnos de acordo cunha concepción cristiá da persoa, da vida e do mundo.
2. Opción polos máis débiles no seu nivel económico, capacidade intelectual ou outro tipo de limitación.
3. Vivencia dos valores evanxélicos, a través dos cales revelamos que Deus nos ama.
4. Compromiso pola xustiza e a solidariedade universal, cunha participación activa na transformación e mellora da sociedade
5. Relacións e clima educativo baseados na sinxeleza.
6. Respecto á vida e á natureza, fomentando a responsabilidade ante o progreso da ciencia e a tecnoloxía.

 

2. - ASPECTOS DA NOSA ACCIÓN EDUCATIVA

Estes PRINCIPIOS INSPIRADORES animan a acción educativa baseada nunha PEDAGOXÍA aberta, FLEXIBLE E CONSTRUTIVA, que se adapta ás necesidades dos alumnos e que incorpora as innovacións didácticas que a calidade educativa esixe. En coherencia con estes principios, favorecemos os seguintes aspectos:

1. Educación integral
. Desenvolvemento harmónico de todas as dimensións do alumno/a, para que chegue ao máximo das súas posibilidades.
2. Atención á diversidade:
. Educación personalizada que dá especial importancia á acción titorial, servizo de orientación, etc.
. Apertura e formación no respecto á pluralidade étnica, cultural e relixiosa para promover a integración social.
3. Compromiso social
. Coñecemento dos valores e contravalores desta sociedade plural.
. Análise da realidade con sentido crítico.
. Compromiso pola xustiza e promoción dos máis necesitados, a través de accións concretas.
4. Relacións próximas e de colaboración
. Ambiente educativo fraterno que supón sinxeleza, acollida, confianza e  alegría.
. Aprendizaxe cooperativa que potencia a convivencia, a participación, o respecto, a capacidade de diálogo e a colaboración.
. Presenza dos educadores baseada nunha relación de proximidade, dispoñibilidade e cun estilo educativo coherente e de calidade.
5. Educación na fe
. Integración harmónica entre a fe e o conxunto de saberes, valores, actitudes e comportamentos que favoreza a síntese persoal entre fe, cultura e vida.
. Acompañamento aos alumnos no seu proceso de maduración na fe a través de asociacións de pastoral xuvenil, especialmente de JMV.
. Proposta de formación e afondamento na fe aos membros da Comunidade Educativa FOEVI, Escola de Pais e outros grupos inspirados no
  carisma vicenciano.
6. Educación para o ocio
. Oferta de actividades formativas máis alá do horario lectivo que axude á Comunidade Educativa a abrirse a un mundo de dimensións cada día máis amplas.
7. Técnicas da Información e a Comunicación ao servizo da educación
. Utilización de medios para o desenvolvemento das competencias que demanda a sociedade neste ámbito, facendo prevalecer os valores persoais, éticos e relacionais sobre o meramente técnico.
8. Avaliación sistemática
. Análise do nivel de calidade da acción educativa, orientado a unhamellora continua.

 

3. - COMUNIDADE EDUCATIVA

A relación constante entre pais, profesores, alumnos, persoal de administración e servizo e entidade titular, en ambiente de corresponsabilidade, dá coherencia e fecundidade á nosa acción educativa e contribúe a conseguir un bo nivel de formación.
Formar parte da Comunidade Educativa compromete a:
. Compartir e achegar, con espírito de servizo, a nosa competencia e  habilidades.
. Esforzarse por construír unha comunidade viva na que todos busquemos o  ben dos demais.

VISUALIZA PRESENTACIÓN DO CARÁCTER PROPIO DOS CENTROS EDUCATIVOS VICENCIANOS (Versión FLASH)

DESCARGA A VERSIÓN PDF DA PRESENTACIÓN pdf